Tuesday 30 de April de 2024

A Biblioteca da Xunta na Coruña centra outubro nas celebracións do Día das escritoras e do Día das Bibliotecas


— Haberá visitas guiadas, mostras e un concerto, entre outras propostas para conmemorar estas efemérides

— Continúan os Sábados de animación para público infantil e familiar e a formación para usuarios, e arrancan os obradoiros de escritura creativa e os clubs de lectura

A biblioteca pública da Coruña Miguel González Garcés, xestionada pola Xunta, centra a actividade de outubro na celebración do Día da escritora e do Día das bibliotecas. Con motivo destas efemérides desenvolveranse diversas actividades e mostras. Ademais, haberá os sábados de animación, con espectáculos para o público máis novo, obradoiros de escrita creativa todos os venres e formación para usuarios, entre outras propostas. A información de todas as iniciativas e a maneira de participar nelas pode consultarse na web do centro.

Así, co gallo do Día das bibliotecas, o 24 de outubro, haberá actividades conmemorativas ao longo do venres 22 e do sábado 23. Na xornada do venres desenvolveranse visitas guiadas polo centro bibliotecario ás 12,00 e ás 17,00 horas. Tamén ás 17,00 horas se realizará o Itinerario de autor arredor da historia da cultura da Coruña A Pescadaría: o derribo das murallas e o núcleo mariñeiro. Será co historiador da arte Felipe Senén e partirá desde a Praza de María Pita ata a de Pontevedra.
Na xornada do sábado haberá unha nova visita guiada, ás 11,00 horas e todas as persoas que se acheguen ao centro recibirán un agasallo. A música poraa Pablo Díaz xunto ao guitarrista Rubén Barros, cun concerto ás 12,00 horas.

Canto ao Día das escritoras, o 18 de outubro, celebrarase ás 18,00 horas coa actividade Os relatos en feminino, unha lectura de diversos textos de autoras como Dolores Redondo, Elvira Lindo, Maruja Torres, Almudena Grandes ou Xoana Torres, entre outras. Nesa mesma xornada instalarase a mostra bibliográfica As idades da vida, cunha selección de obras de Marina Mayoral, Marilar Aleixandre, Ledicia Costas e Yolanda Castaño, xunto ás doutras figuras.

Tamén estará dispoñible desde o día 15 a exposición Marie de Gournay, escritora, filóloga, tradutora, filósofa e poeta francesa dos séculos XVI e XVII. Pola súa banda, o público máis novo poderá igualmente compartir esta celebración coa mostra instalada na sala infantil desde esta semana ata finais de mes.
Sábados de animación

Ademais, a rapazada poderá gozar ao longo de todo o mes dos Sábados de animación, con sesións ás 12,00 horas. Arrincaron o pasado día 2 co espectáculo de teatro e música A alquimista, no que se reivindica o papel da muller na ciencia e o uso do galego no terreo científico.

O día 9 será a quenda de Antía Yáñez co seu Plan de rescate, con aventuras que poden chegar a vivirse nas escolas protagonizadas por alumnado con diversidade funcional. O sábado 16 estará Alberto Millán co espectáculo As andainas dos Monifates e don Gaiferos, e o 30, Miguel e Blanca, da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia ofrecerán contos en lingua de signos.
Por outra banda, todos os venres do mes ás 11,00 horas desenvolverase o obradoiro de escritura creativa con María Jesús Molina Raspal. Nel experiméntase coas palabras, escríbese, lese en voz alta e finalízase compartindo as opinións. Outubro supón tamén o arranque dos clubs de lectura, coas modalidades de adultos, galego, feminista e de lectura fácil.

Formación de usuarios e mostras
A actividade Aprende a usar a biblioteca será neste mes os mércores 6 e 20 ás 16,00 horas. A través dela capacítase no uso dos servizos do centro e no acceso ás fontes de información, co obxectivo de facilitar o mellor uso dos recursos dispoñibles. O programa de visitas guiadas organizado os martes e xoves ás 12,00 horas completa esta formación, cun percorrido polas instalacións a prol do seu mellor coñecemento e aproveitamento.

Canto ás mostras, continúa a exposición itinerante da Xunta en homenaxe a Xela Arias Asinamos ser libres ata o día 14 de outubro, e a conmemorativa do centenario do actor, director e escritor Fernando Fernán Gómez ata o 20 de novembro. Xunto a elas, desde esta semana xa se pode gozar de Sons das Illas Canarias na biblioteca, na sala de audiovisuais, e o día 9 se abrirá unha mostra bibliográfica sobre astronomía no primeiro andar.
Cómpre sinalar tamén que neste mes en outubro se abre o prazo para participar no IV Concurso de microrrelatos de terror, dirixido a persoas maiores de 14 anos que poden presentar un único traballo orixinal e inédito, cunha extensión máxima de 200 palabras e escrito en galego ou castelán. O prazo de presentación remata o 11 de decembro e seleccionaranse tres relatos que serán premiados con senllos lotes de libros e, no caso, do primeiro posto, coa publicación da obra nas redes sociais da biblioteca.